5.3.11

Boiro: a Xunta anuncia o remate da obra do interceptor de Barraña para abril e xa tiña que estar rematado o ano pasado

Media_httpfarm4static_ekghg

Boiro, 5 de marzo de 2011. A Xunta de Galicia anunciou hoxe que van rematar as obras do colector-interceptor de Barraña en abril deste ano (un mes antes das municipais). En 15 de xullo de 2010, a mesma Xunta explicaba:

"A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén financia as obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro, por un importe próximo aos 3 millóns de euros. Esta obra está incluída no plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través do asinamento dun convenio entre a consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense, asinado en xullo de 2009. Na actualidade, o colector interceptor está executado ao 100% e, con respecto ao tanque de tormentas, está realizado todo o perímetro apantallado. A previsión é que en breve se inicien as operacións de baleirado do tanque de tormentas. Nese sentido, a porcentaxe de execución desta obra é do 70%. A Consellería de Medio Ambiente espera que as obras rematen este mesmo ano. As accións deste proxecto céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na cal un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas".

E hoxe anuncia:

O proxecto atópase ao 97 por cento da súa execución total. As obras do novo colector da praia da Barraña, no concello de Boiro, rematarán o vindeiro mes de abril. O novo colector implica un investimento de case 3 millóns de euros

As obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro estarán rematadas o vindeiro mes de abril, xa que actualmente se atopan a un 97 por cento do súa execución. Esta obra está incluída no Plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través da sinatura dun convenio entre a Consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense. O proxecto foi adxudicado por preto de 3 millóns de euros.

Esta actuación foi proxectada porque a rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor soborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte, os seus bombeos alivian e algúns pozos vense desbordados. Con estas obras lograrase o control das augas pluviais e, así, eliminaranse os vertidos á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa.

O proxecto hidráulico inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, dende o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao.

Obras da segunda fase do saneamento de Boiro
A Consellería de Medio Ambiente tamén está a executar neste concello as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño. Esta actuación, que se atopa ao 50 por cento da súa execución, rematarse este verán. O importe de adxudicación foi de 730.500 euros e a empresa adxudicataria do proxecto foi a UTE Empresas Vivendas e Obras Civiles-Lancer, Proxectos e Obras.

A Xunta de Galicia considera esta actuación fundamental e prioritaria para impulsar e practicar as políticas de respecto medioambiental, xestionando as verteduras urbanas e evitar así os vertidos incontrolados ao medio, como neste caso o río Coroño.

O obxectivo primordial das obras é instalar unha rede de colectores de augas residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira, que actualmente carecen dela, e a súa incorporación no núcleo de Pazos á rede de residuais. Non se contempla a construción da rede de colectores nos restantes núcleos da conca do río Coroño, como Enseño, Pomar do Río, Loxo de Arriba e Loxo de Abaixo, pero teranse en conta á hora do dimensionamento hidráulico dalgúns colectores xerais, así como nun dos bombeos. Ditos núcleos incorporaranse á rede en posteriores fases de construción.

As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado na localidade de Pazos. Para levar a cabo os traballos, executaranse 5.592 metros de colectores de residuais por gravidade en tubaxe de PVC, cun diámetro de 315 milímetros. Ademais, instalaranse dúas estacións de bombeo, que realizarán impulsións de 559 mililitros, e executarase un pozo de aneis prefabricados con cámara de chaves in situ, e outro pozo rectangular in situ de formigón.

Obras da primeira fase do saneamento de Boiro
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia tamén financiou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño, mediante unha achega económica de preto de 500.000 euros.

Esta primeira fase consistiu na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta agora cun interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes.

Os proxectos que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas beneficiarán aos preto de 20.000 habitantes do Concello de Boiro".

Tiren vostedes as súas propias conclusións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical