4.6.12

Noia e Lousame: estase a cociñar a fusión destes dous concellos. A pelota, xa no tellado da Xunta


Noia-Lousame, 4 de xuño de 2012. As negociacións lévanse a modiño e con moita discreción, pero a fusión de Noia con Lousame podería ser inminente se a Xunta de Galicia dá a súa aprobación. O diálogo entre os dous alcaldes, de signo distinto, o lousamián Santiago Freire, do PP, e o noiés Rafael García Guerrero, do PSOE, é fluído e ambos están dacordo coa fusión. De producirse, ao ter maior músculo industrial e poboacional Noia -sobre 15.000 habitantes fronte a menos de 4.000-, Lousame quedaría clasificado como entidade local menor a efectos administrativos. O número de concelleiros sería de 17 que terían que xestionar os 130 quilómetros cadrados de que se comporía o novo municipio (37 de Noia e 93 de Lousame).

A Xunta, e en concreto o seu presidente, o popular Alberto Núñez Feijóo, xa coñecen as intencións dos dous alcaldes e está pendente de dar a súa resposta. Logo da sorpresa de Oza dos Ríos e Cesuras, ambos do PP, que desviou a atención no último debate de Autonomía, apenas houbo movementos de outros concellos para integrarse, por moito que Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, está empeñando o seu cargo en facer posible que esta provincia sexa a primeira de España encabezando fusións municipais. Ante o arrecendo a eleccións anticipadas que aboia por todos lados, é complicado que vexamos esta fusión na presente lexislatura, polo que a integración de Lousame en Noia debería agardar ao que dispuxera o novo inquilino do Monte Pío.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Publicar un comentario

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical